Ven para o blogue... Bases

Bases xerais

  • Para participar haberá que ser alumno deste Centro e poderase participar en calquera das seis modalidades. As modalidades son:
                               ti escribes?        ti filmas?
                               ti debuxas?        es músico?
                               fas fotos?          es lector?
  • Todas as obras teñen que se axustar ao que está marcado nas bases, tanto nas bases xerais como nas específicas de cada modalidade. Se así non for, os traballos serán descualificados.
  • O prazo de admisión das obras será ata o 17 de maio de 2015.
  • As obras presentadas deberán ir correctamente identificadas. Terán que presentar os seguintes datos:
Modalidade pola que se presenta.
Nome completo, curso ao que se pertence e DNI ou nº de pasaporte ou número do carné da Biblioteca. Entenderase que esta persoa é, a todos os efectos, a responsable do traballo presentado.
Un enderezo de correo eléctronico. Toda comunicación relativa a este concurso farase por este medio e ao enderezo indicado. En caso de non dispor de conta de correo, é fácil crear unha de balde. Pregunta na Biblioteca.
  • As obras seleccionadas serán publicadas no blogue da Biblioteca e só estas optarán a premio. Os premios da primeira fase do concurso consistirán en entradas de cine que serán entregadas en canto o traballo for publicado. As condicións para a súa adxudicación están recollidas nas bases de cada modalidade. O momento en que as entradas poden ser levantadas comunicarase ao enderezo de correo electrónico facilitado.
  • Os traballos serán publicados co nome do autor ou autores. Non se publicarán traballos anónimos.
  • O enderezo ao que se deben enviar as creacións, nas modalidades en que así se indicar, é: blogbibliosardineira@gmail.com
  • Todas as creacións presentadas han de ser orixinais. No caso de plaxio, a responsabilidade será sempre do autor ou autores da obra, nunca da Biblioteca ou do Centro.
  • A Biblioteca e o Centro non se fan responsables dos contidos e opinións dos traballos publicados.
  • Os concursantes autorizan a Biblioteca para a publicación dos traballos presentados en calquera soporte e tamén a facer as modificacións no formato que puidesen ser necesarias para este ou outros fins vinculados á actividade do Centro.
  • Para participar como xurado na segunda fase do concurso, deberedes facelo a través dos comentarios do blogue. Opinade só naqueles casos en que a obra vos guste. Os comentarios terán que ir identificados con nome, apelidos e curso. Só poden votar os alumnos do Centro e os comentarios que non se axustaren a estes criterios non serán publicados nin se terán en conta para o premio final.
  • Na segunda fase do concurso, o premio poderá ser declarado deserto.
  • Todos aqueles que se presenten a este concurso aceptan as condicións establecidas nestas bases. 

Bases por modalidades

ti escribes?

  •  As obras presentadas poderán ser de calquera xénero: narrativa, poesía, teatro, traballos de investigación, guións de cinema....
  • Os traballos serán enviados por correo electrónico en formato txt, doc ou odt. En caso de non dispordes de computador, hai computadores na Biblioteca á disposición dos ususarios, que poden ser utilizados para este fin. Non se aceptarán traballos que non veñan en soporte informático.
  • A extensión dos textos queda a criterio do autor.
  • A obra publicada será premiada cunha entrada de cine, con independencia do número de autores que a asinen.

ti debuxas?

  • Os deseños realizados (que poden incluír tamén banda deseñada) serán enviados por correo electrónico en formato jpg (jpeg), gif ou png. No caso de se tratar dun arquivo grande de máis que non poida ser enviado por correo, poderá entregarse gravado nun cd ou dvd. Se a obra estiver nalgún aloxamento web (hosting), tamén se aceptará o envío do enlace correspondente, sempre e cando sexa posible efectuar a transferencia do deseño. 
  • Todos os traballos deberán de ser entregados no formato dixital especificado. A Biblioteca ofrece a posibilidade de escanear deseños, sempre que non excedan o tamaño de DIN A4. En calquera outro caso, será responsabilidade do autor a presentación da obra no formato requerido.
  • Os deseños publicados terán como premio unha entrada de cine, con independencia do número de autores que a asinen.

fas fotos?

  • As fotografías serán enviadas por correo electrónico en formato jpg(jpeg), gif ou png. Se a fotografía estiver nalgún aloxamento web (hosting), tamén se aceptará o envío do enlace correspondente, sempre e cando for posible efectuar a transferencia da foto. 
  • As fotografías non poderán incluír persoas que sexan recoñecibles, salvo que teñan sido fotografadas por acaso na rúa. Non se publicarán fotos que non se ateñan a estas condicións.
  • A fotografía publicada será premiada cunha entrada de cine, con independencia do número de autores que a asinen.

ti filmas?

  • O vídeo será entregado na biblioteca nun dvd en formato flv ou mpeg. Se o vídeo se localizar nalgún aloxamento web (hosting), tamén se aceptará o envío por correo electrónico do enlace correspondente, sempre e cando sexa posible efectuar a súa transferencia.
  • Á parte do establecido nas normas de carácter xeral con respecto á identificación das obras, os vídeos deberán de ir acompañados de títulos de crédito (ben dentro do propio vídeo, o habitual; ben en documento aparte), onde figuren, no mínimo: director e/ou guionista e o nome de todas as persoas que actúan nel (con excepción da xente que poida saír nun plano rodado en exteriores, por pasar nese momento por alí). Entenderase que o responsable do vídeo conta cos permisos correspondentes para a cesión dos dereitos de imaxe das persoas que aparecen nel.
  • Admitiranse tanto vídeos de ficción, como documentais ou reportaxes.
  • O traballo publicado será premiado cunha entrada de cine. Tendo en conta que a realización de vídeos precisa case sempre dun traballo de equipo, no caso de que o vídeo presentado esixise máis de tres persoas para a súa realización, a obra será premiada con dúas entradas de cine, sempre que a totalidade dos membros do equipo foren alumnos do Centro. Se ese non for o caso, só se entregará unha entrada. Excepcionalmente, en función da magnitude da obra presentada e do equipo preciso para a súa realización, a Biblioteca podería ampliar o número de entradas do premio, se o considerar oportuno.

es músico?

  • A música entregarase na Biblioteca gravada nun cd ou dvd en formato mp3.
  • A música presentada, á parte do establecido nas normas de carácter xeral con respecto á identificación das obras, deberá de ir acompañada, no caso de haber máis dun intérprete, dos nomes dos compoñentes do grupo e/ou do autores da música, se os houber.
  • A gravación publicada será premiada cunha entrada de cine. Se se tratar dun grupo integrado por máis de tres persoas, a gravación será premiada con dúas entradas de cine, sempre e cando a totalidade dos músicos do grupo sexan alumnos do Centro. Se ese non for o caso, só se fará entrega dunha entrada. Excepcionalmente, en función da magnitude da obra presentada e do equipo preciso para a súa realización, a Biblioteca podería ampliar o número de entradas do premio, se o considerar oportuno.

es lector?

  • Envíanos as túas recensións  sobre os libros que les, a música que escoitas, as películas que ves, as exposicións ás que vas ou calquera outro evento cultural que che apeteza partillar connosco.
  • Os textos serán  enviados por correo eléctronico en formato txt, doc ou odt, ou ben no propio corpo da mensaxe. En caso de non dispor de computador, hai computadores na Biblioteca á disposición dos usuarios que poden ser utilizados para este fin.
  • Todas as recensións incluirán unha valoración na cal se exporán, de forma breve e argumentada, as razóns para a escolla do asunto que for obxecto da recensión. No caso dos libros e das películas, ou de calquera outra actividade en que houber un argumento, a recensión deberá incluír, tamén, unha pequena sinopse.
  • Precisaranse dúas colaboracións para obter premio. Cada dous traballos publicados, farase entrega dunha entrada de cine, con independencia do número de autores que asinen a recensión.