20 feb 2011

Charlas sobre seguridade e protección de datos no uso de Internet

O martes 22, para 1º da ESO, e o venres 25, para 2º, terán lugar unhas charlas sobre as precaucións necesarias no manexo de Internet e as redes sociais. O obxectivo é que os nosos alumnos tomen conciencia da cantidade de información que facilitan sobre eles, de forma non consciente, no uso que fan de Twenty, Facebook e redes similares. As charlas serán impartidas polo experto nestas cuestións da Biblioteca Municipal Sagrada Familia, na liña de colaboración aberta este curso con esta institución. Conste aquí o noso agradecemento.

2º ciclo de cine na biblioteca. Cine e literatura

Este martes, 22 de febreiro, ás 18.20, terá lugar a proxección da segunda película do ciclo Cine e literatura. O filme será Moby Dick, dirixida por John Huston. Imposible esquecer a este capitán Ahab encarnado por Gregory Peck e a súa titánica persecución da balea branca.

Ficha técnica
Título orixinal: Moby Dick
Ano: 1956    
Duración: 116 min
País: Reino Unido
Director: John Huston
Guión: Ray Bradbury, John Huston (Novela: Herman Melville)
Música: Philip Sainton
Fotografía: Oswald Morris
Reparto: Gregory Peck, Orson Welles, Richard Basehart, Leo Genn, James Robertson Justice, Harry Andrews, Friedrich Ledebur, Bernard Miles, Edric Connor
Produtora: Metro-Goldwyn-Mayer

Sinopse
Ahab, capitán dun barco baleeiro, o Pequod, vive obsesionado por dar caza a Moby Dick, a grande balea branca que lle arrincou unha perna e o encheu de odio e fame de vinganza. Navegará polos sete mares ata dar coa súa presa.

Exposición de fotografías antigas do noso barrio

Temos, no vestíbulo do centro, unha exposición de fotografías antigas dos barrios da Sagrada Familia, Os Mallos e Estación. A exposición foi cedida pola Biblioteca Municipal Sagrada Familia dentro do programa de colaboración iniciado este curso. Se aínda non a vistes, aproveitade a ocasión e deixade que, por un momento, a vosa mirada percorra as rúas das nosas lembranzas. Estará ata finais deste mes.

7 feb 2011

2º ciclo de cine na biblioteca. Cine e literatura

Dá comezo o 2º ciclo de cine na biblioteca. Este trimestre terá como tema Cine e literatura. A película coa que se inicia é Rumble Fish, dirixida por Francis Ford Coppola. Está baseada na novela do mesmo nome de Susan E. Hinton, autora tamén de Rebeldes. A película proxectarase o martes 8 ás 18.20. Non vola deberíades de perder. É das que deixa pegada.

Ficha técnica
Título orixinal: Rumble Fish
Ano: 1983
País: USA
Dirección: Francis Ford Coppola
Guión: Francis Ford Coppola & S.E. Hinton (Novela: S.E. Hinton)
Música: Stewart Copeland
Fotografía: Stephen H. Burum
Produtora: Zoetrope Studios, Hotweather Films
Reparto: Matt Dillon, Diane Lane, Mickey Rourke, Dennis Hopper, Vincent Spano, Diana Scarwid, Nicolas Cage, Chris Penn, Tom Waits, Laurence Fishburne, William Smith, Michael Higgins
Sinopse
Rusty James é un xove que soña con volver aos tempos das "pandillas" xuvenís e así emular ao seu irmán maior, que no seu día foi líder dunha delas e arrastra unha reputación de rebelde e intocable.

6 feb 2011

Investigando a ciencia II

A segunda lei científica xa está exposta na biblioteca. Para os que aínda non teñen o cuestionario:
1. Copiade a lei.
2. Respondede ás seguintes cuestións:
    a. Cal é o nome co que se coñece esta lei?
    b. Quen formulou esta lei por primeira vez?
    c. A que ciencia pertence a lei e que función, utilidade ou sentido ten?
Entrega o cuestionario na bilbioteca. Non esquezas poñerlle o nome.

9 ene 2011

Compartindo

Comeza un novo ano e todos aproveitamos para enchernos de bos desexos, de bos propósitos. Espero que este, que comparto con vós, sexa dos que realmente se cumpra!


Fin do trimestre

Tivemos unha fin do trimestre bastante axitada, chea de traballos e cousas. Isto fixo que o blog se nos quedase un pouco atrasado. Demos fin ao primeiro trimestre colaborando na exposición sobre Luís Seoane con motivo do centenario do seu nacemento. Os alumnos de 4º A fixeron uns traballos plásticos impresionantes que esperamos tivesedes ocasión de ver. Disto e da información elaborada polo Departamento de normalización lingüística tivéchedes información no blog do club de lectura, Caladoiro (enlace na marxe esquerda deste blog).
Tamén colaboramos co Departamento de ciencias. Tivemos unha conferencia sobre astronomía e estivemos mirando as estrelas. A friaxe combatémola grazas ao chocolate que nos fixo Montse. Quedamos engaiolados. Teremos que repetilo.
O último día lectivo a biblioteca estivo de festa. Rematamos coa entrega dos premios do 1º concurso de relatos de terror, coa primeira e estupenda actuación das Persoas-libro e coa proxección dunha película, Suspense, dirixida por Jack Clayton, bo broche final a un trimestre dedicado ao terror.
Grazas a todos pola vosa colaboración e participación. Feliz ano!