22 nov 2010

Compartindo

Nesta ocasión quero compartir con vós unha entrevista a Emilio Calatayud feita na revista Mercurio. Lémbranos, como sempre, cousas que, por obvias, parecen esquecidas. A súa reflexión é de interese para tódolos membros da comunidade educativa. Entrevista

Ilustracións dos contos de terror

Non deixedes de visitar o álbum do blog. Alí atoparedes as ilustracións dos relatos de terror que fixeron os nosos alumnos. Bo traballo!

20 nov 2010

1º ciclo de cine na biblioteca: "cine e pedagoxía"

Todo comeza hoxe. Luns 22 de novembro ás 16.30.

Título orixinal: Ça commence aujourd´hui
Ano: 1999
Duración: 107 minutos
Nacionalidade: Francia
Director: Bertrand Tavernier
Guión: Dominique Sampiers, Tiffany Tavernier e B. Tavernier
Música: Luis Sclavis
Fotografía: Alain Cloquart
Reparto: Philippe Torreton, Maria Pitarresi, Nadia Kaci...

Sinopse: Daniel Lefebre, de 40 anos, dirixe unha escola infantil nun barrio marxinal de Hernaing, vila mineira do norte de Francia co 30% dos seus 7000 habitantes no paro a causa da crise da minería. Cando intente afrontar a situación desesperada de algúns dos seus alumnos obterá como resposta institucional un groseiro intento de desprestixiar e cuestionar o seu traballo docente.

15 nov 2010

Investigando a ciencia

Lémbrovos que estamos co concurso Investigando a ciencia, posto en marcha o Día da ciencia en galego. Este concurso desenvolverase ao longo de todo o curso. Periodicamente irán aparecendo distintas leis sobre as que teredes que responder un pequeno cuestionario, similar ao que tedes para esta primeira lei. A lei está exposta no vestíbulo e as preguntas son:
Foto: C. de Paz
  1.  Cal é o nome co que se coñece esta lei?
  2.  Quen formulou esta lei por primeira vez e en que século?
  3.  A que ciencia pertence a lei e que función, utilidade ou sentido ten?
Presentade na biblioteca un folio coa formulación da lei e as respostas ás cuestións anteriores. Non esquezades poñer o voso nome. A final de curso sortearase, entre os participantes que teñan respondido correctamente a tódalas leis propostas, un bono de 30 euros da FNAC. O concurso está dirixido a tódolos alumnos do centro, agás os que cursen algún dos ciclos de grao superior.

7 nov 2010

1º ciclo de cine na biblioteca: "cine e pedagoxía"

Mañá, día 8 de novembro, ás 16.30, proxectarase o segundo filme do ciclo de cine. Neste caso trátase de:

A soidade do corredor de fondo










Título orixinal: The loneliness of the long distance runner
Ano: 1962
Duración: 99 minutos
Nacionalidade: Gran Bretaña
Director: Tony Richardson
Guión: Alan Sillitoe
Música: John Addison
Fotografía: Walter Lussally
Reparto: Tom Courtenay, Michael Redgrave, James Bodam, Julia Foster

Sinopse: Collin Smith é un xove de clase obreira que vive nos arredores de Nottingham. Un día comete un roubo nunha panadería e é enviado a cumprir condena a un reformatorio, onde comeza a correr. Grazas ás súas calidades como corredor de fondo vai gañando postos na institución penitenciaria, pero durante os adestramentos non deixa de pensar na súa vida anterior e empeza a ver que a súa situación actual é privilexiada. 

O día 22 remataremos as proxeccións deste trimestre co filme Todo comeza hoxe, dirixida por Bertrand Tavernier. No seu momento, teredes máis información.

2 nov 2010

Día da ciencia en galego

O  4 de novembro celébrase o Día da ciencia en galego. Este ano está dedicado a Afonso X, Ramón María Aller e James Clerk Maxwell. No noso Centro, por iniciativa do Equipo de normalización lingüística e coa colaboración de distintos Departamentos, van ter lugar unha serie de actos conmemorativos. A biblioteca súmase a esta iniciativa poñendo en marcha ese día unha actividade que tiña prevista e que seguirá ao longo de todo o curso:
  • Presentación dunha lei científica sobre a que os alumnos terán que responder unhas preguntas. Atentos ao lugar e á forma na que será exposta! A actividade está inscrita no plan de educación documental que queremos levar a cabo ao longo deste curso.
As outras actividades que terán lugar ese día son:
  • A montaxe de circuitos electrónicos e experiencias de Faraday que relacionan a electricidade e o magnetismo. Actividade do Departamento de Tecnoloxía.
  • Os alumnos de Ciclos, respaldados polos Departamentos de Física e Ciencias, desenvolverán as seguintes prácticas co resto do alumnado:
          Efecto sifón: polímeros e viscosidade.
          Como de rápido podes comer papa?
          Reacción sodio-auga. Pode facerse sen riscos?
          Efecto invernadoiro.
          Bacterias no meu móbil?
  • Trivial en rede,  polo Departamento de Ciencias Naturais.
  • Concurso de fotografía matemática a cargo do Departamento de Plástica.
  • Videoconferencia cos investigadores galegos do CERN (pendente de confirmación)
Un día no que viviremos a ciencia dende distintos ámbitos e en galego. Gocémolo!

1 nov 2010

Compartindo

Este "compartindo" quere ser un recordatorio: estamos agardando polas vosas colaboracións. Mandade un correo co que queirades compartir e explicade que ten de especial para vós, aínda que sexa moi brevemente.

Nesta ocasión vou compartir con vós un dos artigos de Carlos García Gual publicados en El País, o domingo 31. Insiste o autor na necesidade da boa literatura e dos bos lectores, algo do que sempre andamos escasos nesta época na que prolifera "a literatura de consumo rápido e entretemento fácil". Utilidad de la ficción