23 abr 2013

Ven para o blogue e gaña

Nova publicación dentro da modalidade ti escribes? O texto é de Cristina Pérez Hermida, alumna de 3º de ESO.
Destinos cruzados, Cristina Pérez
Unha gota, dúas, tres… Infinitas. Abro os ollos, estou empapada. Miro ao teito: unha goteira.
A tormenta arrancou unha tella, terei que arranxala algún día…
Dende aquel accidente, non podo durmir, todo me vai mal. Sinto que, como sempre me ven soa, me miran compadecéndose. É insoportable.

Creo que a mellor opción é desaparecer.
O meu último intento foi un fracaso, só quedan cicatrices no meu pulso. Se non fose pola chamada dunha veciña... Isto xa tería rematado.
Poño música. Soa unha canción na que di “Me ajusto a la vida, pero la vida no es justa”. Canta razón. Síntome máis afundida aínda. É incrible como a música pode mellorar ou empeorar tremendamente o ánimo. Apago a música.
Acendo o ordenador, pero nada, todo segue igual, parece que neste mundo ninguén se acorda de min e nin lles importo o máis mínimo.
Agora que o penso... Que hora será? Miro o reloxo: as 5 da madrugada. Pois sairei a correr un anaco polo paseo marítimo, total... Que mellor cousa existe que a soidade vendo o mar? Que irónica podo chegar a ser...
Unha hora despois…
Xa estou pola praia, estou morta, deitareime un anaco na area para descansar. Pecho os ollos. Oio as ondas, como chocan contra as pedras, as gaivotas facendo os seus ruídos, a serea dun barco ao lonxe... Parece que pasaron uns minutos, pero non, xa pasaron dúas horas!! Quedei durmida... Teño unha chaqueta por enriba e non é miña. Xírome. Vexo a un rapaz ao meu lado mirando cara ao horizonte.
-E ti quen es? – pregúntolle sen pensalo dúas veces.
-Só son alguén, que coma ti, quere deixalo todo e desaparecer -debúxase un sorriso no seu rostro-. Pero ben, non che importará que invada a túa soidade, non?
-Non, por suposto… Es libre de facer o que che pete -respóndolle.
-Ben, se podo facer o que queira, invítote a almorzar.Veña imos!
-Mm… Si, claro, por que non?

Un anaco máis tarde…

A verdade, o rapaz parece riquiño e tampouco está tan mal. Pregúntome que lle pasaría no brazo, teno como queimado...
Bah, agora centrareime en gozar do chocolate con churros polo menos…
-Que se supón que facías durmindo na praia? -preguntou rompendo o silencio-. Acaso che daba preguiza volver despois do botellón? -solta unha gargallada-. Ah! Por certo, chámome Julián, que parvo son...
-Pois estaba esgotada de saír a correr e quedei durmida... Non son das que se quedan borrachas por aí… - sorrío timidamente- Eu chámome Mónica, encantada.
-Igualmente, encantado -sorrí-. Sei o que pensas do meu brazo… -a súa cara vólvese seria-. Foi nun incendio, ao entrar a salvar a unha nena que ninguén tiña o valor de ir rescatar… Podería haber morto, pero… o destino non o quixo así -intenta volver a sorrir.
-Coma ti, pouca xente queda -estou perplexa-. Ti tamén verías as miñas cicatrices do pulso… Supoño que imaxinas cales eran as miñas intencións.
-Si, claro, o accidente foi moi forte para ti…
-Como sabes iso?!?- dígoo case gritando
-Ás veces, cando menos o esperas e pensas que ninguén sabe que existes, resulta que hai alguén aí- ten a mirada perdida- Teño que marchar, aquí tes o meu número- escríbeo e vaise sen dicir nada máis.

Este estraño deixoume moi intrigada pero á vez asústame…
Que sabe de mín e do que pasou? Isto é moi raro, pero polo menos é simpático. Saio dos meus pensamentos e voume da cafetaría.
Acendo a música. Soa: “ I walk this empty street on the boulevard of broken dreams" (Camiño por esta rúa baleira, no boulevard dos soños rotos)
Chego a casa, agora comezou outra canción: “Seize the day or die regretting the time you lost” (Aproveita o día ou morre lamentando o tempo perdido) Esta canción gústame desde fai tempo.
Miro o móbil, Julián faloume. Di se mañá podo quedar. Direille que si, non me vén mal algo de compañía.
Agora vou durmir, que hoxe foi un día bastante peculiar.

Ao día seguinte.

Son as dez. Soa o despertador. No ton da alarma está posto “Recuerdos de ayer” dun grupo de aquí, Insolvents chámanse: “ Por qué ya no entra luz por mi ventana cada día? Por qué miro al espejo y nunca encuentro una alegría?”
Vaia motivación. Levántome e vístome. Abro a porta para saír e… que susto! Julián está aí, esperando! Como saberá onde vivo?
-Bos días! Veño a arranxarche a tella e logo de paso almorzamos- desprende enerxía co seu sorriso.
-Pero… Como sabes o da tella? -grita sorprendida-. Ben, é igual. Está claro que isto sobrepasa a normalidade -di máis baixo.
Dígolle onde está a goteira e ao cabo dun anaco xa a amañou.
Moitas grazas por todo, en serio. Pero… Como sabes todo isto? -pregunto intrigada.
Parece que xa é hora de que che conte todo. O accidente, recordas?
-Si -respondo cunha dor no peito
-Cando pasou, sabes que o coche se precipitou pola montaña e só sobreviviches ti. Os teus pais morreron e ti quedaches alí soa.
Cando pasou un coche e recolléronte, nese coche ía un rapaz tamén, ese era eu. Por razón que descoñezco, collínte un cariño especial, e estivente vixiando e intentando coidar sen darme a coñecer, ata agora…

Prodúcese un gran silencio, estou en shock, nunca me imaxinei que algo así puidese pasar na realidade…

-Noutras palabras, namoraches de min -digo ao fin.
-Ben, resumindo moito e quitando o malo, poderíase dicir que si -aclara cun gran brillo nos ollos.
-Non sei que dicir.
-Pois eu creo que me dirías que se son do Depor coma ti, sairías comigo -di cun ton bromista.
-Home, esa é a regra número un, acaso o dubidabas parvo? -solto unha gargallada.

Sen pensalo máis, os dous fundímonos nun bico.

2 comentarios:

  1. Lara Pastoriza Salgado 3ESO19 may 2013, 21:43:00

    Gústame moito :D Ole Cris,oooole!

    ResponderEliminar
  2. Paula Martínez Barreiro 3ºA29 may 2013, 17:04:00

    Gústame moitísimo, o final é precioso! :)

    ResponderEliminar