18 mar 2013

Cine-fórum. Un funeral de morte

Este xoves, 21 de marzo, dentro do ciclo Cine á Carta proxectarase Un funeral de morte, do director estadounidense Frank Oz. Se queres informarte máis polo miúdo, preme no cartaz.

12 mar 2013

Compartindo

Collage: Sara Huete
Tiñamos un pouco abandonada esta sección, pero hoxe imos compartir algo. Co Día da Muller Traballadora recente, non está de máis lembrar o difícil e costoso que foi o recoñecemento de certos dereitos para as mulleres. O camiño percorrido foi longo e aínda queda camiño por andar e banzos por subir. Déixovos aquí, polo que nos atinxe, un artigo que fala da conquista do dereito das mulleres a investigar nas bibliotecas, cousa que lle debemos a Antonia Gutiérrez Bueno.
Tamén é interesante mergullarse neste mapa e consultar a evolución dos dereitos das mulleres en España. Que dereitos tiñas se nacías muller, poñamos, en 1940? É posible que vos sorprendades do recentes que son moitos dos dereitos dos que gozamos.

10 mar 2013

A participación do IES A Sardiñeira na "Alborada para Rosalía"

Este ano 2013 cúmprese o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro.
A Fundación Rosalía, a Real Academia Galega, a Universidade de Vigo e a Asociación de Gaiteiros Galegos promoveron a Alborada para Rosalía, un acto de homenaxe a Rosalía de Castro, un acto para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra única.
Na mañá do domingo 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, ducias de grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexaron, saíron ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos..., para botar unha peza na honra da poeta.
Non quedou ningún recuncho de terra sen o son das nosas gaitas en honor á Rosalía. O noso instituto non faltou á cita. Andrea Ramos Queixas (1º de Bacharelato), á pandeireta, e Sergio Pérez Piñeiro (1º da E.S.O.), coa gaita, interpretaron a Muiñeira de Maruxa no patio do noso centro.
Aquí vos queda a gravación da súa fermosa interpretación. Podedes acceder as do resto dos grupos participantes premendo aquí.
Que todos saiban que hoxe a gaita galega non chora, que canta...

5 mar 2013

Cine-fórum. O Golpe

O próximo xoves, 7 de marzo, proxectarase na Biblioteca a 2ª película do Ciclo Cine á Carta: O Golpe, do director George Roy Hill. Para obter máis información preme no cartaz. 

3 mar 2013

Ven para o blogue e gaña...

A Biblioteca convoca un concurso para que enviedes as vosas creacións. O concurso desenvolverase en dúas fases e contará con seis modalidades.
A primeira fase comeza xa. Enviádenos as vosas obras e as que foren seleccionadas serán publicadas no blogue. Segundo vaian sendo publicadas, recibirán como premio entradas de cine.
Na segunda fase, farase un concurso no que a mellor obra de cada modalidade obterá un novo premio. Nesta segunda fase, haberá un xurado constituído por cinco membros; un deles seredes vós, o alumnado. Podedes participar na selección de gañadores a través dos comentarios do blogue, dicindo que traballos vos gustan. Os premios desta segunda fase e a súa entrega comunicarase no momento oportuno.
Infórmate de cales son as modalidades e as bases para participares, ollando na páxina do menú da parte superior, Ven para o blogue... Bases. Tamén podes apañar as bases na Biblioteca. Se queres unha versión para imprimir, preme aquí.