12 dic 2010

Corrección de erros

Como xa vos teredes decatado, a entrega de premios do concurso de relatos de terror e o sorteo de entradas de cine que faremos entre aqueles que teñades superado os cuestionarios das exposicións non será o día 23 de decembro senón o 22. Lembrádeo. A hora e características do acto volo comunicaremos en breve. Que teñades sorte!

22 nov 2010

Compartindo

Nesta ocasión quero compartir con vós unha entrevista a Emilio Calatayud feita na revista Mercurio. Lémbranos, como sempre, cousas que, por obvias, parecen esquecidas. A súa reflexión é de interese para tódolos membros da comunidade educativa. Entrevista

Ilustracións dos contos de terror

Non deixedes de visitar o álbum do blog. Alí atoparedes as ilustracións dos relatos de terror que fixeron os nosos alumnos. Bo traballo!

20 nov 2010

1º ciclo de cine na biblioteca: "cine e pedagoxía"

Todo comeza hoxe. Luns 22 de novembro ás 16.30.

Título orixinal: Ça commence aujourd´hui
Ano: 1999
Duración: 107 minutos
Nacionalidade: Francia
Director: Bertrand Tavernier
Guión: Dominique Sampiers, Tiffany Tavernier e B. Tavernier
Música: Luis Sclavis
Fotografía: Alain Cloquart
Reparto: Philippe Torreton, Maria Pitarresi, Nadia Kaci...

Sinopse: Daniel Lefebre, de 40 anos, dirixe unha escola infantil nun barrio marxinal de Hernaing, vila mineira do norte de Francia co 30% dos seus 7000 habitantes no paro a causa da crise da minería. Cando intente afrontar a situación desesperada de algúns dos seus alumnos obterá como resposta institucional un groseiro intento de desprestixiar e cuestionar o seu traballo docente.

15 nov 2010

Investigando a ciencia

Lémbrovos que estamos co concurso Investigando a ciencia, posto en marcha o Día da ciencia en galego. Este concurso desenvolverase ao longo de todo o curso. Periodicamente irán aparecendo distintas leis sobre as que teredes que responder un pequeno cuestionario, similar ao que tedes para esta primeira lei. A lei está exposta no vestíbulo e as preguntas son:
Foto: C. de Paz
  1.  Cal é o nome co que se coñece esta lei?
  2.  Quen formulou esta lei por primeira vez e en que século?
  3.  A que ciencia pertence a lei e que función, utilidade ou sentido ten?
Presentade na biblioteca un folio coa formulación da lei e as respostas ás cuestións anteriores. Non esquezades poñer o voso nome. A final de curso sortearase, entre os participantes que teñan respondido correctamente a tódalas leis propostas, un bono de 30 euros da FNAC. O concurso está dirixido a tódolos alumnos do centro, agás os que cursen algún dos ciclos de grao superior.

7 nov 2010

1º ciclo de cine na biblioteca: "cine e pedagoxía"

Mañá, día 8 de novembro, ás 16.30, proxectarase o segundo filme do ciclo de cine. Neste caso trátase de:

A soidade do corredor de fondo










Título orixinal: The loneliness of the long distance runner
Ano: 1962
Duración: 99 minutos
Nacionalidade: Gran Bretaña
Director: Tony Richardson
Guión: Alan Sillitoe
Música: John Addison
Fotografía: Walter Lussally
Reparto: Tom Courtenay, Michael Redgrave, James Bodam, Julia Foster

Sinopse: Collin Smith é un xove de clase obreira que vive nos arredores de Nottingham. Un día comete un roubo nunha panadería e é enviado a cumprir condena a un reformatorio, onde comeza a correr. Grazas ás súas calidades como corredor de fondo vai gañando postos na institución penitenciaria, pero durante os adestramentos non deixa de pensar na súa vida anterior e empeza a ver que a súa situación actual é privilexiada. 

O día 22 remataremos as proxeccións deste trimestre co filme Todo comeza hoxe, dirixida por Bertrand Tavernier. No seu momento, teredes máis información.

2 nov 2010

Día da ciencia en galego

O  4 de novembro celébrase o Día da ciencia en galego. Este ano está dedicado a Afonso X, Ramón María Aller e James Clerk Maxwell. No noso Centro, por iniciativa do Equipo de normalización lingüística e coa colaboración de distintos Departamentos, van ter lugar unha serie de actos conmemorativos. A biblioteca súmase a esta iniciativa poñendo en marcha ese día unha actividade que tiña prevista e que seguirá ao longo de todo o curso:
  • Presentación dunha lei científica sobre a que os alumnos terán que responder unhas preguntas. Atentos ao lugar e á forma na que será exposta! A actividade está inscrita no plan de educación documental que queremos levar a cabo ao longo deste curso.
As outras actividades que terán lugar ese día son:
  • A montaxe de circuitos electrónicos e experiencias de Faraday que relacionan a electricidade e o magnetismo. Actividade do Departamento de Tecnoloxía.
  • Os alumnos de Ciclos, respaldados polos Departamentos de Física e Ciencias, desenvolverán as seguintes prácticas co resto do alumnado:
          Efecto sifón: polímeros e viscosidade.
          Como de rápido podes comer papa?
          Reacción sodio-auga. Pode facerse sen riscos?
          Efecto invernadoiro.
          Bacterias no meu móbil?
  • Trivial en rede,  polo Departamento de Ciencias Naturais.
  • Concurso de fotografía matemática a cargo do Departamento de Plástica.
  • Videoconferencia cos investigadores galegos do CERN (pendente de confirmación)
Un día no que viviremos a ciencia dende distintos ámbitos e en galego. Gocémolo!

1 nov 2010

Compartindo

Este "compartindo" quere ser un recordatorio: estamos agardando polas vosas colaboracións. Mandade un correo co que queirades compartir e explicade que ten de especial para vós, aínda que sexa moi brevemente.

Nesta ocasión vou compartir con vós un dos artigos de Carlos García Gual publicados en El País, o domingo 31. Insiste o autor na necesidade da boa literatura e dos bos lectores, algo do que sempre andamos escasos nesta época na que prolifera "a literatura de consumo rápido e entretemento fácil". Utilidad de la ficción

1º concurso de relatos de terror



 


Como xa sabedes todos, este trimestre o protagonista é o terror. Tedes dende hai días o anuncio do noso 1º concurso de relatos de terror. Non esquezades participar. Hai premios. Para saber máis mirade as bases do concurso na páxina de actividades que está na parte superior do blog.

27 oct 2010

Samaín


 
O venres 29 os nosos alumnos de 1º da ESO están de festa: van celebrar o Samaín. Decorararán as típicas cabazas e logo irán en procesión por todo o Instituto. Tamén teremos dúas exposicións. Unha, na entrada do centro, na que se mostrará unha antoloxía de fragmentos de relatos de terror ilustrados polos alumnos de 4º de ESO (tedes na marxe unha mostra). A outra exposición estará na biblioteca e o tema, como vos podedes imaxinar, será o terror!!! Non o esquezades, tedes unha cita, se vos atrevedes...

Actividades. Persoas-libro

Continuamos coas actividades. A biblioteca ofrece a posibilidade de participar no proxecto Farenheit 451 (persoas-libro). Como podedes deducir, está baseado na novela de Ray Bradbury e foi creado por Antonio Rodríguez. Cremos que é outra forma de fomentar a lectura e que en momentos como os actuais, nos que ás veces parece que a linguaxe se recorta e deshabita as persoas, reimplantar palabras coa axuda da memoria, ata que se fagan propias, pode ser un exercicio saudable. A actividade consiste niso: en memorizar fragmentos de obras e poder contalos, contalos de verdade, con sentido. O prazo para inscribrise está aberto. Xa temos un grupo de aspirantes a persoas-libro, pero podedes ser máis. Pasa pola biblioteca e anótate. A cousa promete.

25 oct 2010

Novidades

Iniciamos a publicación das novidades que van chegando á nosa biblioteca. Estade atentos e visitade a páxina dedicada, dentro deste blog, ao tema.

Unha de premios

Se algun de vós sente curiosidade por ler (ou reler) algún dos autores premiados recentemente, aquí tedes unha relación dos libros que podedes atopar na biblio.
Do Premio Nacional de Narrativa, Javier Cercas, temos Soldados de Salamina. Estade atentos ás novidades porque está en camiño Anatomía de un instante.

Do premio Nobel de Literatura, Mario Vargas Llosa, temos La fiesta del chivo, La guerra del fin del mundo, Los cachorros y La ciudad y los perros. Máis información

Do premio Príncipe de Asturias de las Letras, Amin Maalouf, non temos, neste momento, nada. Estamos á espera da chegada de dúas das súas novelas: León el Africano y Samarcanda. Máis información
 
Do premio Planeta, Eduardo Mendoza, tedes á vosa disposición La verdad sobre el caso Savolta, La ciudad de los prodigios, El asombroso viaje de Pomponio Flato. Máis información

14 oct 2010

Actividades

Continuamos coa oferta de actividades.

Club de lectura
Non vos esquezades de anotarvos para participar no club de lectura 2010-2011. Non demoredes moito porque os novos grupos estan a piques de comezar.

Cine
O próximo luns, 18 de outubro, iníciase o  1º ciclo de cine na biblioteca. Está organizado por temas e o deste trimestre é cine e pedagoxía. O primeiro filme será Catro minutos. Para máis información mirade, dentro deste blog, a páxina dedicada a actividades.

29 sept 2010

Benvida











Ola! Benvidos ao blog da biblioteca do IES A Sardiñeira. Queremos, este curso, continuar o labor iniciado no curso 2009-2010 e poñer á vosa disposición este espazo. Aquí aparecerán todas aquelas novas relacionadas coa biblioteca, as actividades previstas e información e materiais que esperamos que vos sexan útiles e poidan contribuir ao proxecto educativo do que todos formamos parte. Queremos, tamén, que compartades con nós o que vos gusta ler, que música vos gusta escoitar, que películas preferides... Contamos coa vosa colaboración!
Foto: Chema Madoz

Centenario de Miguel Hernández










Comezamos as exposicións deste curso facendo unha homenaxe ao poeta Miguel Hernández. Podedes vela no vestíbulo do edificio gris. Aquí vos poño o cartel para que vos vaiades facendo unha idea. En breve, estarán as fotos, aínda que o mellor é que pasedes a vela. Tamén se farán audicións de música e proxeccións de documentais. Estade atentos á información que irá aparecendo.

Compartindo




Como vos dicía na presentación, esperamos que este sexa un espazo para compartir. Queremos que nos digades que é o que vos gusta dos vosos libros, música, filmes ... preferidos.
Para empezar, vou compartir con vós as fotos de Chema Madoz. Para os que o coñecedes, será un reencontro; para os que non, espero que un pracer. Gústame de el a  mirada transgresora do cotiá, que o seu obxectivo nos convirta en testemuñas invisibles da vida soñada dos obxectos.
(Máis sobre Chema Madoz)

Curso 2010-2011. Novas

Este curso temos algunhas novidades. A biblioteca abrirá as tardes do luns, mércores e xoves de 16.30 a 18.10. Tedes á vosa disposición un espazo ben equipado para o estudo e tamén podedes contar coa orientación dos profesores encargados da biblioteca.
Queremos tamén estender o servizo de préstmo aos pais e nais dos alumnos. Todos aqueles que o desexen poden solicitar o carné de usuario na biblioteca.
E, para aqueles que aínda non o saiban, a biblioteca foi incluída no Plan de melloras das bibliotecas escolares. A convocatoria abría a posibilidade de incorporación de 75 novos proxectos en toda Galiza e o noso foi un deles.