25 dic 2011

1º concurso de traballos de investigación

Seguindo co desenvovemento do Proxecto lector e do Plan anual de lectura, a Biblioteca, en colaboración cos departamentos implicados, convoca o 1º concurso de traballos de investigación. Podedes consultar as bases premendo aquí.

5 dic 2011

1º concurso de postais de felicitación

Con motivo do Aninovo 2012 convocamos un concurso de postais de felicitación. Premendo aquí podedes acceder ás bases do concurso.

27 nov 2011

Cine-fórum. O gabinete do doutor Caligari

Este luns, 28 de novembro, ás 17 h. proxectarase, dentro do ciclo Cine a contratempo, o filme O ganbinete do doutor Caligari, dirixida por Robert Wiene. Unha xoia do expresionismo alemán cuns decorados inesquecibles, dos que son autores Hermann Warm, Walter Reimann e Walter Röhrig. Estade atentos tamén á proxección que está  ter lugar no vestíbulo, nos recreos, sobre Expresionismo.

21 nov 2011

1º concurso de microrrelatos

Como todos sabedes, estamos a celebrar o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Dentro das actividades previstas está este concurso de microrrelatos. Os microrrelatos deberán de estar inspirados nalgún aspecto da obra deste autor. Para máis información recollede as bases do concurso na Biblioteca ou mirade aquí.

20 nov 2011

Cine-fórum. Eduardo manstesoiras


Este luns, 21 de novembro, dentro do ciclo Mostras de contrapunto, proxectarase o filme de Tim Burton Eduardo Manstesoiras.

17 nov 2011

Ciclo de cine árabe no MACUF

Noticia de interese para os amantes do cinema (e para os que aínda non o son, tamén. Nunca se sabe cando un vai ser vampirizado polo celuloide!). O MACUF organiza un ciclo de cine árabe do 24 ao 26 de novembro. As proxeccións son de balde. Se queredes ver o programa, premede aquí.

13 nov 2011

Cine-fórum. La strada


Este luns 14, ás 17 h., dentro do ciclo Cine a contratempo, proxectarase o filme La Strada, dirixido por Federico Fellini. Dentro do percorrido pola Historia do cine que se realiza neste ciclo, achegámonos, nesta ocasión, ao Neorrealismo.

A festa do magosto e a ciencia


O venres estivemos de festa. Os alumnos dos Ciclos espertaron a nosa curiosidade coas sorprendentes actividades que nos amosaron.

Ao longo da mañá, o mural de adiviñas, refráns e cantigas ... foise enchendo coa contribución de todos. A festa rematou como ten que ser nestas datas, rendéndolle homenaxe á castaña.
Grazas a todos pola vosa participación!

10 nov 2011

Magosto e ciencia

Mañá, o Equipo de normalización lingüística organiza un magosto e celebra o Día da ciencia en galego con actividades realizadas polos alumnos dos Ciclos e nas que participarán o resto do alumnado. A Biblioteca súmase á celebración do magosto organizando a elaboración dun mural onde os alumnos irán escribindo refráns, cantigas, adiviñas .... (relacionadas coa castaña, novembro ....), que previamente memorizaron.

Tamén nos sumamos á celebración do Día da ciencia en galego convocando o 1º concurso de traballos de investigación. Sobre isto irémosvos informando nos próximos días.

7 nov 2011

Cine-fórum. Jumanji

Hoxe, como xa vos anunciaramos, proxectamos Jumanji, de J. Johnston.

2 nov 2011

Cine-fórum

Aquí tedes as películas que se van ver este trimestre en Cine a contratempo e Mostras de contrapunto, os dous ciclos do Cine-fórum. O próximo filme proxectarase o luns 7 de novembro ás 17 h. Será Jumanji, de J. Johnston.

26 oct 2011

Actividades

Xa sabedes que as actividades da Biblioteca están en marcha. Como aparece no díptico enviado a casa e nos carteis que tedes polo Centro, podedes participar en:
  •  Club de lectura
  • Cine-fórum
  • Persoas-libro
  • Investigando a ciencia
  • Orientación no estudo
  • Concursos
  • Exposicións

    Cine-fórum

    O Cine-fórmun acaba de arrancar. Este curso a actividade de cinema está organizada por un grupo de alumnos de distintos niveis e coordinada por un profesor. Os filmes e os temas son escollidos polos alumnos. A actividade organizarase ao redor de dous ciclos, que se desenvolverán de forma alternada: Cine a contratempo e Mostras de contrapunto. En Cine a contratempo iranse vendo algunhas das películas fundamentais da Historia do cine, sen seguir necesariamente unha orde cronolóxica. Mostras de contrapunto é un espazo para  compartir os gustos dos integrantes do equipo do Cine-fórum. Tanto nun ciclo como noutro, as proxeccións van precedidas dunha presentación feita polos propios alumnos. No caso de Cine a contratempo, a intención da presentación é ir documentándose sobre a Historia do cine. En Mostras de contrapunto trátase de que a presentación faga maior énfase nas razóns polas nos gusta o filme.
    O luns 24 comezou Cine a contratempo coa proxección do filme Os catrocentos golpes, dirixida por François Truffaut.


    3 oct 2011

    Proxecto Lector

    Este curso contamos cun novo Proxecto Lector. Sabemos que o que propoñemos non é cousa rápida e fácil de conseguir mais, co compromiso de todos, podemos logralo. Todos somos conscientes da importancia da lectura comprensiva, da mellora da competencia lectora dos alumnos, e neso estamos. Aquí vos queda, por se queredes botarlle unha ollada.

    Estamos de volta

    Ola a todos. Un curso máis estamos aquí. Temos que pedirvos desculpas por ter arrancado cun pouco de retraso. Andivemos aterfados poñendo en marcha a biblioteca. Esperamos ser fieis á cita que temos con todos vós e mantervos puntualmente informados do que vaia ocorrendo.
    Benvidos!

    23 jun 2011

    Premios do 1º concurso de historias de amor

    O día 21 fixemos entrega dos premios do 1º concurso de historias de amor. O xurado non o tivo fácil, sobre todo na 2ª categoría, dada a calidade dos traballos presentados. Aquí tedes aos premiados:
    1ª categoría:
    1º premio ex aequo para Tamara Lorenzo Sar polo seu relato Amor sen remite e para Cristina Pérez Hermida, Noelia Fariña Queijas, Laura Entonado Souto, Sara Vázquez Canela e Paula Martínez Barreiro  autoras da curtametraxe Isto é amor, quen o probou sábeo.
    Premio especial do xurado para Pablo Rodríguez Quintana por Poema de amor. Tú.
    2ª categoría:
    1º premio para María Roca Outeiro polo relato Veinte poemas de amor y una canción desesperada.
    Premio especial do xurado para Antía Fraga Lourido autora de Olvídame, yo te recordaré.
    Premio especial do xurado para Daniel Torres Fernández por O primeiro día do resto das nosas vidas.
    Premio especial do xurado para Andrea Prada Castro por Esto es amor, quien lo probó lo sabe.
    3º categoría:
    1º premio para Carlota Carnota Canedo autora da banda deseñada ¡Todo ou nada! As cousas non saen sempre coma un pensa.
    Parabens a todos, os que gañádes e os que non. Moitas grazas pola vosa participación. Esperamos seguir contando coa vosa  colaboración e que aqueles que aínda non o intentáchedes vos animedes o curso que vén. Bo verán a todos!

    21 jun 2011

    Conferencia da ANPA

    O día 15 a ANPA organizou na Biblioteca unha charla sobre Ser pais e nais na Internet. A charla correu a cargo de Jorge Castro Ruso que, como sempre, de forma amena consegue instruírnos sobre os perigos da Rede.

    16 jun 2011

    Entrega de premios do 1º concurso de historias de amor


    O martes 21 é o gran día. Faremos a entrega de premios do 1º concurso de historias de amor. Non faltedes.

    Compartindo

    Hai tempo que non compartimos nada. Se non tivéchedes ocasión de ler no seu momento este artigo de Vicente Verdú, podedes facelo agora. Porque soñar non ten límites, permitídeme que, por un momento, imaxine a nosa biblioteca como un rincón seguro onde agocharnos da mainstream.

    Maratón de lectura

    Aquí podedes comprobar por vós mesmos, se non tivéchedes a sorte de facelo en directo, o magnífico traballo dos alumnos deste Centro. Por suposto, o tema ... o amor!

    Posta ao día

    Como é evidente, estivemos un pouco retirados da nosa actividade bloguera. Pedimos desculpas e esperamos porvos ao día de inmediato.
    Celebramos a nosa semana de actividades e pasámolo moi ben. Foi estupendo contar coa presenza de Mercedes Queixas e introducirnos na personalidade de Lois Pereiro da súa man.Tamén puidemos disfrutar da música de Aero Soul e da actuación estelar dos nosos alumnos no maratón de lectura. A eles dedícamoslle a outra entrada.

    9 may 2011

    Actividades do 10 ao 12 de maio

    Como xa vén sendo tradicional por estas datas, a biblioteca realizará esta semana unha serie de actividades. Aquí tedes o noso programa:
    • Martes 10, ás 16:30: Conferencia de Mercedes Queixas sobre Lois Pereiro. 
    • Mércores 11 a partir das 9:00: Maratón de lectura.
    • Xoves 12, ás 18:30: Concerto do grupo Aero Soul. A esta actividade está invitada toda a comunidade educativa.
    Contamos coa vosa participación!

    Abecedario de Lois Pereiro

    Os alumnos de Literatura galega do século XX -Adrián, Gema, Irene, Rocío, Sabrina e Tamara- puxéronlle voz ao Abecedario escrito por Lois Pereiro. Velaquí a súa contribución ao Día das letras galegas.

    1 may 2011

    Ernesto Sábato

    Onte, 30 de abril, morreu Ernesto Sábato. Das moitas cousas que se poden dicir del, hoxe queremos lembrar a súa loita constante contra á sinrazón que esgana a liberdade. Queixábase de que "la vida es tan corta y el oficio de vivir tan difícil, que cuando uno empieza a aprenderlo, hay que morirse".
    Na biblioteca podedes atopar El túnel (C-N/SÁB/tún). Para máis información, premede aquí.

    Zume de texto, ilustracións dalgúns dos relatos de ciencia ficción

    Os alumnos do segundo ciclo de secundaria e de primeiro de bacharelato fixeron uns fermosos traballos dentro das actividades da materia de Plástica. Á parte da edición en papel que realizaron, tamén podedes ver o seu traballo aquí. Felicitacións!

    Entrega de premios

    A fin do timestre estivo chea de premios. Repartimos os premios do 1º concurso de relatos de ciencia ficción e rifamos as entradas de cine entre todos aqueles que superáchedes tódolos traballos realizados este trimestre (Día da poesía, Caramelízate, Día do teatro e Investigando a ciencia). Os gañadores do concurso literario foron:
    1ª categoría (1º ciclo da ESO):
    1º premio: A viaxe inesperada, de Tamara Lorenzo Sar, 1º ESO.
    Premio especial do xurado: A viaxe fantástica, de Leila Mª Santos Alvite, 1º ESO.
    2ª categoría (2º ciclo da ESO):
    1º premio: Crónica dun mundo desamparado, de María Roca Outeiro, 4º ESO.
    Premio especial do xurado: Transxene, de Antía Fraga Lourido, 4º ESO.
    Premio especial do xurado: Xan, de Daniel Torres Fernández, 4º ESO.

    Parabéns a todos, aos que tivéchedes algún pemio e aos que non. A vosa participación foi o noso premio. Grazas.

    10 abr 2011

    Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares



    Como sabedes, a nosa bibliotecas está incluída no Plan de mellora de bibliotecas escolares e esta semana, o xoves e o venres, estivemos nos Encontros que organizan. Alí levamos parte dos materiais que realizamos este curso e volvimos con ideas para seguir mellorando o noso traballo. Espero que vos beneficiedes delas!

    Exposición Día mundial do teatro





    Temos unha exposición, a piques de rematar, no vestíbulo do Centro, para aprender máis sobre o teatro. Se respondedes adecuadamente o cuestionario, pode haber premio. Entrades no sorteo das enquisas. Non deixedes de facelo!

    Conferencia de Santiago Fernández

    Cun pouco de retraso, como xa vai sendo habitual, cóntovos algo da marabillosa conferencia de Santiago Fernández no Día mundial do teatro. Contaxionos a súa paixón polo teatro e falounos das fluctuantes liñas que separan a representación e o cotiá e da natureza específica do teatral. Un pracer. Grazas, Santiago.

    26 mar 2011

    Día mundial do teatro





    Este luns celebraremos o Día mundial do teatro ( 27 de marzo). Ás 10.45 Santiago Fernández introduciranos no mundo do teatro coa súa prodixiosa voz. Tamén poderedes ver (e traballar) a exposición dedicada a esta arte que estará na entrada do centro.

    21 mar 2011

    Día mundial da poesía

    Hoxe celebramos o Día mundial da poesía. Temos unha mostra no vestíbulo do instituto de diferentes xogos poéticos. A exposición está baseada nunha unidade didáctica de Elvira Riveiro. Estará ata finais da semana. Colaboraron con nós nesta actividade o Departamento de lingua e literatura galega, o de normalización lingüística e o de plástica. Podedes ver os centóns e caligramas realizados polos alumnos.
    Tamén celebramos o día con versos con sorpresa. Pasa pola biblioteca e caramelízate. Hai sorteo e premio. Saberás máis se vés. Agardámoste.


    Investigando a ciencia III

    Tedes no 1º andar do instituto a terceira entrega de Investigando a ciencia. Xa sabedes o que tedes que facer. Respondede o cuestionario e participade no concurso.
    1. Copiade a lei.
    2. Respondede ás seguintes cuestións:
        a. Cal é o nome co que se coñece esta lei?
        b. Quen formulou esta lei por primeira vez?
        c. A que ciencia pertence a lei e que función, utilidade ou sentido ten?
    Entrega o cuestionario na bilbioteca. Non esquezas poñerlle o nome.

    28 feb 2011

    Entroido

    Co motivo do entroido estase a celebrar unha exposición no vestíbulo do centro por iniciativa do Departamento de normalización lingüística. Colaboran tamén o Departamento de ciencias naturais, o de galego e a biblioteca. Nada disto sería posible sen o traballo realizado polos nosos alumnos. Nesta ocasión, o noso recoñecemento para os alumnos de 3º de PDC e 1º de ESO. Non vola perdades! Teredes ocasión de recrear máis dun sentido.

    1º concurso de relatos de ciencia ficción



    Está en marcha o 1º concurso de relatos de ciencia ficción. Tedes de prazo para entregar os relatos ata o 30 de marzo. Pasade pola biblioteca para recoller as bases ou tamén as podedes ver na páxina de "actividades" deste blog. Ánimo, seguro que tedes moitas historias que contarnos!

    20 feb 2011

    Charlas sobre seguridade e protección de datos no uso de Internet

    O martes 22, para 1º da ESO, e o venres 25, para 2º, terán lugar unhas charlas sobre as precaucións necesarias no manexo de Internet e as redes sociais. O obxectivo é que os nosos alumnos tomen conciencia da cantidade de información que facilitan sobre eles, de forma non consciente, no uso que fan de Twenty, Facebook e redes similares. As charlas serán impartidas polo experto nestas cuestións da Biblioteca Municipal Sagrada Familia, na liña de colaboración aberta este curso con esta institución. Conste aquí o noso agradecemento.

    2º ciclo de cine na biblioteca. Cine e literatura

    Este martes, 22 de febreiro, ás 18.20, terá lugar a proxección da segunda película do ciclo Cine e literatura. O filme será Moby Dick, dirixida por John Huston. Imposible esquecer a este capitán Ahab encarnado por Gregory Peck e a súa titánica persecución da balea branca.

    Ficha técnica
    Título orixinal: Moby Dick
    Ano: 1956    
    Duración: 116 min
    País: Reino Unido
    Director: John Huston
    Guión: Ray Bradbury, John Huston (Novela: Herman Melville)
    Música: Philip Sainton
    Fotografía: Oswald Morris
    Reparto: Gregory Peck, Orson Welles, Richard Basehart, Leo Genn, James Robertson Justice, Harry Andrews, Friedrich Ledebur, Bernard Miles, Edric Connor
    Produtora: Metro-Goldwyn-Mayer

    Sinopse
    Ahab, capitán dun barco baleeiro, o Pequod, vive obsesionado por dar caza a Moby Dick, a grande balea branca que lle arrincou unha perna e o encheu de odio e fame de vinganza. Navegará polos sete mares ata dar coa súa presa.

    Exposición de fotografías antigas do noso barrio

    Temos, no vestíbulo do centro, unha exposición de fotografías antigas dos barrios da Sagrada Familia, Os Mallos e Estación. A exposición foi cedida pola Biblioteca Municipal Sagrada Familia dentro do programa de colaboración iniciado este curso. Se aínda non a vistes, aproveitade a ocasión e deixade que, por un momento, a vosa mirada percorra as rúas das nosas lembranzas. Estará ata finais deste mes.

    7 feb 2011

    2º ciclo de cine na biblioteca. Cine e literatura

    Dá comezo o 2º ciclo de cine na biblioteca. Este trimestre terá como tema Cine e literatura. A película coa que se inicia é Rumble Fish, dirixida por Francis Ford Coppola. Está baseada na novela do mesmo nome de Susan E. Hinton, autora tamén de Rebeldes. A película proxectarase o martes 8 ás 18.20. Non vola deberíades de perder. É das que deixa pegada.

    Ficha técnica
    Título orixinal: Rumble Fish
    Ano: 1983
    País: USA
    Dirección: Francis Ford Coppola
    Guión: Francis Ford Coppola & S.E. Hinton (Novela: S.E. Hinton)
    Música: Stewart Copeland
    Fotografía: Stephen H. Burum
    Produtora: Zoetrope Studios, Hotweather Films
    Reparto: Matt Dillon, Diane Lane, Mickey Rourke, Dennis Hopper, Vincent Spano, Diana Scarwid, Nicolas Cage, Chris Penn, Tom Waits, Laurence Fishburne, William Smith, Michael Higgins
    Sinopse
    Rusty James é un xove que soña con volver aos tempos das "pandillas" xuvenís e así emular ao seu irmán maior, que no seu día foi líder dunha delas e arrastra unha reputación de rebelde e intocable.

    6 feb 2011

    Investigando a ciencia II

    A segunda lei científica xa está exposta na biblioteca. Para os que aínda non teñen o cuestionario:
    1. Copiade a lei.
    2. Respondede ás seguintes cuestións:
        a. Cal é o nome co que se coñece esta lei?
        b. Quen formulou esta lei por primeira vez?
        c. A que ciencia pertence a lei e que función, utilidade ou sentido ten?
    Entrega o cuestionario na bilbioteca. Non esquezas poñerlle o nome.

    9 ene 2011

    Compartindo

    Comeza un novo ano e todos aproveitamos para enchernos de bos desexos, de bos propósitos. Espero que este, que comparto con vós, sexa dos que realmente se cumpra!


    Fin do trimestre

    Tivemos unha fin do trimestre bastante axitada, chea de traballos e cousas. Isto fixo que o blog se nos quedase un pouco atrasado. Demos fin ao primeiro trimestre colaborando na exposición sobre Luís Seoane con motivo do centenario do seu nacemento. Os alumnos de 4º A fixeron uns traballos plásticos impresionantes que esperamos tivesedes ocasión de ver. Disto e da información elaborada polo Departamento de normalización lingüística tivéchedes información no blog do club de lectura, Caladoiro (enlace na marxe esquerda deste blog).
    Tamén colaboramos co Departamento de ciencias. Tivemos unha conferencia sobre astronomía e estivemos mirando as estrelas. A friaxe combatémola grazas ao chocolate que nos fixo Montse. Quedamos engaiolados. Teremos que repetilo.
    O último día lectivo a biblioteca estivo de festa. Rematamos coa entrega dos premios do 1º concurso de relatos de terror, coa primeira e estupenda actuación das Persoas-libro e coa proxección dunha película, Suspense, dirixida por Jack Clayton, bo broche final a un trimestre dedicado ao terror.
    Grazas a todos pola vosa colaboración e participación. Feliz ano!